UN CONTO XITANO CON FINAL FELIZ - Asumelo Diseño Grafico
5
post-template-default,single,single-post,postid-5,single-format-standard,ajax_fade,page_not_loaded,,qode-title-hidden,side_menu_slide_from_right,qode-theme-ver-9.2,wpb-js-composer js-comp-ver-4.11.2.1,vc_responsive

UN CONTO XITANO CON FINAL FELIZ

Un conto xitano con final feliz

Alumnos do colexio de Maside inspiran o proxecto artístico de deseño social de Chus Otero, unha estudante da Escola Antonio Faílde

Imagen:SANTI M. AMIL

MAR GIL
OURENSE

Este é un conto con final feliz. Como corresponde. Pero non hai príncipes nin castelos, nin rapazas louras nin rescatadores de ollos azuis. Aquí os heroes son nenos xitanos que viven en chabolas e que soñan cunha toda de madeira. De cumprir esa ilusión encárgase Chus Otero Ogando (O Carballiño, 1995), que acaba de presentar como traballo de fin de estudos na Escola de Artes Antonio Failde un conto que é todo un proxecto de deseño social; un conto que é, en realidade, unha casa onde a creatividade arrecende a madeira e a igualdade.

A Chus Otero dispáraselle a enerxía por cada unha das mil pencas que adornan o seu rostro. Ten a vitalidade e a ilusión de quen se asoma con optimismo ao mundo e engádelle á mistura un toque de conciencia que fixo posible o proxecto Mikeas.

É o nome do seu traballo, xurdido, como boa parte das pezas deste conto-caixa-andel, da inspiración dos nenos xitanos que estudan no colexio Terras de Maside.

«En realidade -explica- a miña idea inicial era outra. Eu quería facer un proxecto de deseño social máis pensando no paisaxismo: ver como incluír as chabolas que están á entrada do Carballiño de maneira que paisaxisticamente fose bonito, pero descarteino e empecei a buscar de que outra maneira podería tirar polo colectivo xitano. E pensei nos nenos».

Chus é paia pero arrastra dende a infancia, talvez de cando compartiu aula con nenos xitanos no colexio da Uceira, un apego especial a ese colectivo. «Contactei co Concello de Maside para facer obradoiros cos nenos e desa maneira cheguei ao colexio, que me recibiu de marabilla e me apoiou en todo. Neste colexio tiran moito polos nenos xitanos, fomentan moito que se involucren e para min foi unha sorte dar cun centro así».

Os martes e os xoves, durante mes e medio, Chus Otero dirixiu varios obradoiros nos que recibiu tanto como deu. Treboadas de ideas e enquisas ilustradas fóronlle útiles para espertar a creatividade dos nenos e alimentar con ela o seu proxecto. «Saquei deles a materia prima que me proporcionou a historia e o estilo que marcou a identidade do meu proxecto. Eu pretendía crear un método de inspiración e de manexo das formas e materiais que me levaran a facer este conto».

Está baseado, explica, «nas ilustracións dos nenos, pero reinterpretadas. Quédome coa sensación de que estes nenos son sumamente creativos, son moi plásticos, coa súa palabra aportan un montón; soñan con cousas moi diferentes a outros nenos e, á vez, moi iguais».

O resultado desa convivencia artística cos nenos xitanos do colexio Terras de Maside é un conto con capas de madeira, suxestivas texturas de papel no seu interior, unha caixa-soporte e un conxunto de pezas de madeira que serviron de modelo para as imaxes que ilustran a historia.

«O conto fala da vida cotiá dun neno xitano, Mikeas -resume Chus-; unha vida de dificultades. Mikeas namórase de Aroa pero o seu pai non o permite, así que escapan e vailles fantasticamente. A idea é que, aínda que as cousas saian mal, sempre hai vías de escape. Mikeas e Aroa fixeron unha casa de madeira xunto ao mar e todos os demais xitanos os imitaron, e Mikeas acabou convertido en patriarca».

A madeira é todo un símbolo, por iso é a base material do conto: «Para os nenos a casa ideal é unha chabola toda de madeira. Fixen o meu conto con tablilla de faia porque é a que se usa nas traseiras dos mobles que, cando se estragan, son fáciles de ver nos poboados xitanos. ¡Poderiamos aprender deles a reutilizar materiais! Eu quixen que esa idea de reaproveitamento estivese no meu proxecto así que a caixa pode servir de expositor, de andel ou de lapicero».

Pezas. A caixa-conto inclúe decenas de pezas con personaxes e elementos da historia que a autora proxecta converter nun xogo.

Cores. As cores básicas son azul e laranxa, símbolo de ceo e terra; representan a igualdade.

No Comments

Post A Comment